Posts Tagged ‘antena 3’

Deica mañá, e gracias


2009
03.18

Reproduzco o artigo de homenaxe de sabela corbelle, presidenta da asociación de prensa de lugo, cara un bo amigo, que sempre que podía axudaba. Sempre con ideas na cachola, e como non, xuntazas, a súa verdadeira debilidade. Nada mellor que este artigo para facerlle ese pequeno homenaxe que nunca será dabondo.
Facer xornalismo supón vivir ó pé da noticia pero poucas veces somos nós os que protagonizamos os distintos acontecementos. O noso compañeiro José Alonso converteuse onte, por unha mala pasada do destino, no protagonista dunha triste noticia: a do seu pasamento repentino, no centro de Madrid, a onde viaxara para impartir unha conferencia nunha universidade. Xornalista de nacemento e de vocación, Alonso era todo un referente entre o colectivo de profesionais que nos adicamos a este noble e duro oficio de contar o día a día. Ós seus 60 anos, cumpridos o día de San Martiño, viña de prexubilarse despois de catro décadas adicado por enteiro á súa profesión, a de xornalista, que antepuxo á súa outra vocación inicial, a de mestre. Xefe, nalgúns casos, e compañeiro, noutros, Alonso —como lle chamabamos todos— estaba sempre aí, lembrándonos ás outras xeracións os corenta anos de profesión testemuñas da historia máis recente de Lugo. Catro décadas de crónicas políticas, locais ou sociais labradas primeiro a golpe de máquina de escribir e, nos últimos anos, de ordenador.

Alonso deixounos, pero se algún privilexio ten esta profesión é a de poder seguir vivo, a través do tempo, no papel impreso. O que queda aí, nas hemerotecas. O que forma parte da historia cotiá de Lugo. Unha historia que el contou, día a día, desde o seu posto de traballo, cumprindo coa súa paixón: a de ser cronista da vida mesma.

O colectivo de xornalistas de Lugo queremos facer público o noso pesar polo seu pasamento e solidarizámonos, cunha forte aperta, coa súa dona, Ester, e os seus fillos, Martín e Enma, tamén compañeira nosa de profesión.

Alonso, para nós, non morreu. Seguirá aí. Por iso mesmo, vénme agora á cabeza as súas palabras de despedida cando remataba a súa xornada laboral: “Deica mañá”. Si, deica mañá, compañeiro.

Pola miña banda, so queda decirche, deica mañá, e gracias, moitas gracias.