Posts Tagged ‘nostalxia’

Lume novo e lume vello – por “UndeTordea”


2009
06.25

Na compaña duns amigos visitei outros amigos que se atopaban no terreo de Hércules, disfrutando da noite de Lume Novo. Moita festa e troula se vivía, e nese momento foi no que cavilei nas lembranzas desa noite nos pobos.

Aquela ansia que tiñamos de celebrar ese día, xuntarnos os raparigos e ir buscar leña o monte nas carretas, coller da nosa propia caseta, ou dunha caseta allea unha cantas estelas, loita para levar aquela cepa enorme de tódolos anos e que nunca a dabas levado, procura de latas vellas de gasolina para tirar o lume e esperar o seu estoupido,..que vivencias esas. E esa noite, facer o lume máis alto posible, que fora máis alto cos do resto do pobo, pois en moitos, coma no meu, facíase por lugares, os do “corral de arriba e os de baixo”. Falo de daquela, cando se vían alumear os lumes doutros pobos “os de Vilaboa xa acenderon o seu”. Atábamos na bicicleta latas e facíamos ruído, moito ruído, saltábamos a fogueira…e logo uns días despois de novo o Lume Vello. Xa creo que en moitos lugares se esquecen dil. Eu vivíao dunha maneira como máis íntima, os da casa un pouco de leña e nada máis.


Hoxe en día, coma ocorre con moitas cousas, está a desaparecer todo. Seica xa poñen trabas para facelo, que ten que facerse un responsable, pedir permiso, ter auga preto…e xa só se aproveita para queimar basura ou restos de rozas. Si o lume se fixo toda a vida e nada pasou. Arde monte por outras causas pero non por facer o Lume novo ou o Lume vello, que culpa teñen as nosas tradicións.