Manuel Sarille, ‘polos fillos dos fillos’ e máis

2008
06.05

[lang_en] I am sorry, this option is not yet available. If you are interested, you can try this one: http://masoucos.blogaliza.org/lang-pref/gl/ [/lang_en][lang_es] Lo siento, no es posible ver el blog en español. Puedes colaborar en su traducción si lo deseas. También puedes ver el blog, en versión original haciendo clic: http://masoucos.blogaliza.org/lang-pref/gl/ [/lang_es]

[lang_gl]Unha pequena homenaxe a Manuel Sarille Lenceiro veciño de Montecubeiro, historia do concello, que deixou plasmada no libro, POLOS FILLOS DOS FILLOS (Candeia Editor, 2003), un exercicio de catarse sobre a memoria familiar e a guerra, novela primeira do seu fillo Xosé Manuel Sarille Candeia (referencia básica na loita pola normalización do galego) e que conta cun grande éxito de público.

  

Manuel Sarille Lenceiro (Castroverde – 1923), Presidente da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo de Lugo, ingresou nas Juventudes Socialistas en setembro de 1935. O 14 de abril de 1936, participou nun mitin da República en Montecubeiro, e tralos sucesos represivos neste lugar, en agosto de 1937, figurou nas listas de persoas a fusilar (si, fusilaron a Carmen Sarille Lanceiro, de 22 anos, e a moitas persoas da súa veciñanza). En 1976 ingresou no PSOE. Foi membro da Executiva Galega e do Comité Federal.
É autor da “Pascua de Montecubeiro”, sátira teatral en verso de tradición oral, publicada na revista “Olisbos” nº 14, editor do libro de Arximiro Rico. “Luz dos humildes”, “Vida e morte dun mestre republicano”, de Narciso de Gabriel e Xosé M. Sarille, coautor do libro “Polos fillos dous fillos”, de Xosé Manuel Sarille Candeia (Sucesos de Montecubeiro, 1937). Financiou e dirixiu o monolito aos mortos de Montecubeiro de 1937, coa colaboración do Concello de Castroverde, instalado no campo da parroquia o 23 de agosto de 2003. Foi colaborador no Progreso con artigos e cartas.

 Tamén Claudio Rodríguez Fer en  Todoslosnombre.es brindalle un atributo a Manuel Sarille, di así:

Como é sabido a enerxía non se crea nin se destrúe, soamente se transforma, e Manuel Sarille Lanceiro, que era pura enerxía, segue e seguirá existindo a través da súa muller Olga e do seu fillo Xosé Manuel, así como dos descendentes destes; a través das súas obras, que foron moitas, e a través de todos os que o coñecemos, que somos moitos tamén. Para min, que vou falar del a través da memoria, será sempre o recreador d’A Pascua de Montecubeiro, sátira teatral en verso de tradición oral, publicada na revista Ólisbos nos anos noventa precisamente por iniciativa miña e logo representada e interpretada coa máxima graza polo propio Sarille en Montecubeiro nun acto multitudinario. Para min será tamén sempre o leal editor do libro Arximiro Rico. Luz dos humildes, vida e morte dun mestre republicano realizado polo seu fillo Xosé Manuel Sarille e polo noso común amigo Narciso de Gabriel, pois sempre mantivo viva a memoria e o agradecemento a quen fora seu mestre e a quen resultara tan vilmente asasinado. Por suposto, para min será igualmente sempre o informante e o protagonista da novela Polos fillos dos fillos, de Xosé Manuel Sarille, sobre a matanza acontecida en Montecubeiro en 1937, así como o promotor do monólito a aquelas vítimas en colaboración co Concello de Castroverde, dúas das maiores satisfaccións da súa vida. Mais na súa existencia chea de compromisos e de loitas das que a miúdo daba testemuño escrito na prensa, onde por certo non lle publicaban todo o que enviaba, para min será ante todo o fundador e o presidente da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo.Nunca esquecerei o día do ano 2005 en que tras presentar Carmen Blanco, María Xesús Souto Blanco, María Lopo e máis eu na Galería Sargadelos de Lugo o monográfico dos cadernos Unión libre dedicado á “Memoria antifascista de Galicia”, en presenza de netos do Doutor Rafael de Vega Barrera e doutras persoas con el relacionadas, como Sofía Andrade e Xesús Pérez Regueiro, lin o poema “A loita continúa”, que alude ao masacre de Montecubeiro, e observei con emoción que o rexo e combativo Sarille choraba a cada verso. E, rematado o acto, Manuel Sarille Lanceiro propúxonos aos presentes formar unha asociación promotora da recuperación da memoria histórica que resultou ser a Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo, da que por suposto foi o seu presidente.
Naceu así pois unha Asociación, con domicilio social na Galería Sargadelos de Lugo (onde Sarille presidiu a súa presentación pública), dedicada á investigación e divulgación da memoria histórica da represión para que se coñecese a verdade e para que nunca se repetise, así como para realizar accións de dignificación das vítimas barbaramente maltratadas durante a ditadura e inxustamente esquecidas na actualidade. Falou no seu nome Sarille na radio, na televisión e nos máis diversos foros e xuntanzas, intervindo en actos tan significativos cualitativa e cuantitativamente como a inauguración do monumento ao doutor Rafael de Vega Barrera, no que interveu xunto aos descendentes de Vega e ao alcalde de Lugo, ou o encontro universitario “As vítimas do 36 en Galicia. Memoria e Paz para sempre”, onde presentou a súa investigación sobre o asasinato do mestre e deputado republicano Díaz Villamil. Sarille quedou moi satisfeito co resultado destas dúas convocatorias e, particularmente, co numeroso público xuvenil da última delas, como tamén de todas as homenaxes aos mestres da República e en concreto ao seu mestre Arximiro Rico.
Non é de estrañar, pois, que a Asociación recibise agora as máis sinceras condolencias por parte da Fundación Luís Tilve, tan comprometida coa memoria; da historiadora da represión María Xesús Souto Blanco, da exhumadora de vítimas Carmen García-Rodeja; de numerosos asociados e colaboradores ou do grupo de investigación “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares” en escrito do seu director Lourenzo Fernández Prieto, quen lembrou e agradeceu moi expresivamente a importante contribución de Sarille a este proxecto de reconstrución da memoria, polo que a nosa Asociación tanto avogou.
Agora ben, Sarille non conseguiu aínda levar a efecto todas as súas iniciativas, pero digo que non o conseguiu aínda porque o conseguirá a través de nós: por exemplo, un monumento ao mestre Arximiro Rico no Cádavo; por exemplo, unha placa ao mestre Díaz Villamil na Pontenova; por exemplo, un monumento a todas as vítimas do fascismo en Lugo, para o que se conseguiu xa no 2006 un deseño de Isaac Díaz Pardo.
Emocionouse Sarille cando no encontro sobre “As vítimas do 36 en Galicia. Memoria e Paz para sempre” se lle entregou un gravado orixinal de Sara Lamas sobre a súa irmá Carmen, asasinada en plena xuventude polo grave delito de ser sinxelamente irmá. Porque, en efecto, Sarille comprendeu que xa moitos nos sentimos irmáns daquela vítima e de cantos perderon a vida inxustamente a raíz de 1936. Na última conversa que mantivemos, xa telefonicamente, agradeceume o poema “As tres mapoulas de Montecubeiro”, referido ás tres mulleres asasinadas naquel masacre en 1937, e que lle está dedicado. Con el vou rematar, porque sei que así lle gustaría a Sarille e porque acaba aludindo ao penedo conmemorativo que con tanto empeño conseguiu erguer en Montecubeiro, un penedo do que estaba tan orgulloso e que tanto se lle parece
[/lang_gl]

Tags: , , , ,

7 Responses to “Manuel Sarille, ‘polos fillos dos fillos’ e máis”

  1. un de tordea di:

    ferro!!!…ano trintaesete
    guerra civil
    Alexandre de Fisterra
    inventa o futbolín…

    canto se perdeu daquela…para nunca volver. non somos conscientes do que foi…daquela xa había asociacións de agricultores que funcionaban mellor que as de agora…había bibliotecas en grandes casas e todo se queimou.. había pensadores e parroquias coma esa eran importantes…e todo se perdeu.

  2. Tino di:

    …inventa a tralla brava,
    inventa o futbolin…

    Non estivemos alí para sabelo, pero solo as personas que morreron… xa se perdeu ben, ademais doutras cousas.
    E senón so hai que mirar para Montecubeiro… o que debeu de ser… e o que é neste momento, que eso si que o sabemos todos, e non é precisamente un lugar con perspectivas de futuro, aínda que coma este hai outros moitos no concello.

  3. Millan Fernandez di:

    Incrible todo o que fai referencia a este home, ó mestre Arximiro e o acontecido en Montecubeiro nos funestos anos da guerra. Coido que o noso concello ten moita máis historia da que nos contaron. Rendir tributo publico a esta xente é o menos que debemos facer pois grazas a eles e outros moitos, hoxe disfrutamos de privilexios dos que eles non gozaron en moito tempo. Liberdade, digna calidade de vida….Foron loitadores e sentiron en carne propia o látigo do fascismo máis brutal e vulgar. Debese coñecer ainda máis esta personalidade e en especial a de Arximiro, exemplo proptotípico da Galiza Martir á que Castelao facia referencia.
    Tiven a sorte de coñecer ó seu fillo unha noite de copas en Compostela e teño pendente con el un cafe.
    Antes do veran as Xuventudes Socialistas en Santiago tiñamos previsto facer unha charla-coloquio sobre a Memoria Historica e propuxen a Sarille como idoneo para asistir.Pero non puido ser.

  4. Tino di:

    Eso sempre, a historia case nunca é completa por desgracia.
    Pois nada, o fillo invitalo para unha entrevista no blog e outras copas de volta, que de seguro será interesante a conversa!!!

    Por outra parte hai cousas que me perdín, esto de vivir na ignorancia!!

  5. Millan Fernandez di:

    Farei o que poida e mantereite informado…pero teremos que esperar cando menos a que remate o verán….

  6. Tino di:

    a espera valerá a pena¡¡

  7. MARTA RIVAS RODRIGUEZ di:

    desde que teño uso de razón escoite aos vellos do lugar a historia do mestre e as barbaridades que lle fixeron os fascistas…logo xa con trinta e pico e lonxe da terra o libro de Sarille removeume esas lembranzas e xa non digamos ver o monolito no adro de montecubeiro…non podemos esquecer, só a memoria pode evitar que algo tan tremebundo se repita..”polos nosos fillos, e os fillos dos fillos…”