Entrevista con Ricardo Polín

2008
11.12

Primeira das tres entregas da que consta esta miniserie de artigos. Esta primeira unha entrevista a Ricardo Polín, para coñecelo un pouco mellor, neste artigo da voz de galicia e na que fai unha proposta para o nome do colexio ao que parece que lle andan a buscar nome. Na segunda entrega, mañá, unha biografía desa persoa. E a terceira entrega, a votación e as opinions de que che parecería ese nome para o CPI de Castroverde.

Comezamos¡ Este profesor, investigador, historiador e escritor centrado nos estudos filolóxicos e literarios, a etnografía e o Camiño Primitivo. As súas grandes pasions son o eixo da súa obra, a deste escritor e profesor nado entre os ríos Chamoso e Azúmara, na parroquia de Meda.

Ricardo Polín, que ademais de escritor e investigador sigue compatibilizando as súas clases no campus de Lugo e nun Instituto de Vilalba, dise moi marcado polo lugar onde veu ao mundo, santa María de Pena de Castroverde, especie de epicentro fluvial do que parte un río cara a Terra Chá e outro cara para o Corgo e Láncara. Tamén é parroquia de tradición musical e que sempre valorou moito a cultura. «Nun lugar campesiño, hoxe hai cando menos un titulado universitario en cada familia».


Ricardo polín «Estamos fóra da nosa órbita, que é a tradición galego-portuguesa»

Engarza perfectamente a filoloxía, a literatura, a etnografía, o Camiño Primitivo e a recuperación da memoria histórica. «Un dos autores dos que conseguir recuperar a obra completa, que estaba perdida, é o poeta da Terra Chá Francisco de Fientosa, que foi asasinado en Aravaca con so 24 anos en 1936, pouco despois de Lorca, do que era fiel seguidor. Está agardando tamén unha investigación, porque sería conveniente saber onde está»

-¿É un paralelismo grande con García Lorca?

-É un paralelismo moi grande, tanto na vida como na morte. Foi un home que seguiu o estilo de Lorca marcadamente e nomeadamente no mundo da poesía, que rematou cunha morte parella a do poeta andaluz e moi próxima no tempo. Era unha persoa que tiña un futuro brillante no mundo das letras e un dos seus libros fora prologado por Ramón Cabanillas, que era unha institución.

-¿Que é fundamental para manter a cultura propia?

-É moi importante non perder os sinais de identidade, saber ben onde estamos, e sobre todo, non pensar que a cultura urbana ten un peso específico maior que a cultura rural da que vimos. Iso ten sido nefasto nalgúns momentos.

-Vostede centrou os seus estudios en etapas moi concretas pero tamén moi distintas da literatura galega.

-Non sei se foi causal ou se foi o meu destino, pero téñome movido moito polos buratos negros da nosa historia e polos momentos que temos identificado peor, que están desvaidos ou mesmamente que se nos teñen ocultado. Por exemplo, a última etapa do noso medievo é o momento máis catastrófico para a nosa tradición literaria. Tamén me teño movido bastante no campo da literatura galega que se ten feito no século XIX fóra de Galicia, como as tertulias de galegos en Madrid, Curros, etcétera; e téñome movido bastante no mundo dos autores que teñen padecido persecución na posguerra e dos que se ten perdido a súa obra. Teño preparada, e espero que non tarde en saír, toda a obra completa dun autor pastoricense, moi significativo da posguerra: Manuel María González, compañeiro de Manuel María da Terra Chá, morto en Tetuán e do que recuperei a obra completa.

-¿Por que nun determinado momento se perdeu o galego nas clases dominantes en Galicia e non ocorreu o mesmo en Cataluña?

-Aquí colleunos o tránsito cara o dominio de Castela nun momento no que a burguesía galega non estaba afincada e moi rapidamente os nobres galegos foron substituídos por outros traídos de fóra. Ese paso foi decisivo na nosa historia lingüística e cultural, porque se nos ofreceu un modelo alleo. A partir dese momento o prestixio identificábase sistematicamente cos nobres chegados da outra banda.

-¿E xa non se rompeu esa situación?

-Non, e esa é unha das miñas teimas. O noso país quedou a contrapé; estamos fora da nosa órbita histórica e cultural, que é claramente é a tradición galego-portuguesa. O poderoso brazo creativo do Miño e do Douro quedou roto.

Tags: , ,

5 Responses to “Entrevista con Ricardo Polín”

  1. […] comenta nesta entrevista Ricardo Polín, que a fiestra se fillo eco fai ven pouco, e da que collo prestado unha das […]

  2. undetordea di:

    Dacordo co que di o señor Polin neste trozo da entrevista, ou polo menos no que eu dou entendido. Un recoñecemento á direción desta “fiestra” que pon cousas interesantes!!! Ánimo

  3. Tino di:

    Graciñas, sempre se agradecen eses ánimos. E home, o de cousas interesantes… conto con ventaxa…

  4. alumno di:

    A entrevista encantoume, creo que habria que entrevistar a mais xente deste tipo, e non perder o tempo entrevistando a xente que non pode aportar nada, espero volver ver algunha entrevista a Ricardo, e ridiculo que teñamos que loitar pola nosa lingua, unha das linguas mais fermosas deste platena, a lengua que nos pertence a todos nos.
    Espero que algun dia coincidamos, moitos saudos.

  5. Tino di:

    A verdade é que é moito mellor ler estas entrevistas que as de Julián muñoz, etc, etc.que son productos de un día.
    Seguramente teñas a oportunidade de ver outra entrevista.

    O tema da lingua é moi complexo… e ten moitas bandas e visions.

    Oxalá algún día coincidamos. Sen problema. O meu correo está visible… así que cando queiras. Saúdos a ti tamén.