A Cega de Miranda/Peredo

2017
12.26

Esta semana recibín un correo electrónico, preguntando de novo pola ‘Cega de Miranda’. Todo a raíz desta imaxe, que subín polo 2009, neste artigo e neste outro.Tamén publiquei este outro triste poema.

Dolores Gómez Lage, “A Cega de Miranda “, tamén coñecida como “A Cega de Peredo ” ou tamén “A Pereda“, nacida no lugar de Peredo, Castroverde (Lugo), en 1.874, foi moi célebre en boa parte da provincia de Lugo.

Era natural de Peredo de Castroverde, aínda que coñecida pola ‘Cega de Miranda’ ao casar alí, nun dos seus tres matrimonios. Algún dos seus cantares e romances son: “Na vila de Castroverde”, “A rapaza vai no rio”, “O rabo do raposo”, “A burra de Manuel do Campo” etc.

A foto superior da Cega é de Bene (Benedicto Conde González, 1895-1987. Vigo). Xornalista e fotógrafo que pateou canta corredoira había coa súa cámara Contax. É unha foto sobre 1955, que saiu publicada en 1960 na “Galicia. Guía espiritual de una tierra” de José María Castroviejo da Editorial Espasa. Bene fora mordomo, taxista, pintor…..colaboraba no “El pueblo gallego” e no “Faro de Vigo”.

Sobre a foto inferior, existe máis controversia, xa que o máis probable é que sexa de Guillermo Peinó, na Romaría de San Alberte, en Parga. Existe outra versión, sobre a foto, que dí que está tomada en Santo André de Teixido, pero non ofrece datos sobre o fotógrafo, nin algunha outra pista fiable.

Creo que Dolores Lage, ‘A cega de Peredo’, ou ‘A cega de Miranda’, é a entrada que máis visitantes me reportou. Un pracer poder comentar e falar dela, e en xeral, da cultura popular do concello.

Your Reply