Posts Tagged ‘Enriqueta Otero’

Enriqueta Otero. Castroverde 1902 – Lugo 1989


2008
11.14

Enriqueta Otero, Docente, Poeta, Sindicalista e activista política, así como médica-enfermeira.

Comezou a súa actividade como mestra exercendo en varias escolas da provincia de Lugo (entre elas a de San Cosme de Barreiros), no colexio Gómez Baquero de Madrid e, de regreso a Galicia, en San Pedro de Cea no concello de Vilagarcía de Arousa. En 1936 recibe unha bolsa para trasladarse ao Colexio Nacional de Xordomudos de Madrid.

Ao estalar a Guerra Civil dedicase ao coidado de cativos no Levante. Logo traballa como enfermeira no Hospital Militar de Carabanchel, no que fixo parte do Comité de Control Obreiro. En xaneiro de 1937, incorporase como miliciana da cultura á defensa de Madrid no Exército do Centro, na Primeira Brigada Móbil de Choque da 46ª División, dirixida por Valentín González, El Campesino . Participou na creación de varios fogares-soldado ou hospitais-escola. Fíxose cargo dunha gardaría para os fillos dos soldados, montou algúns hospitais e organizou un hotel de repouso para as viúvas e compañeiras dos soldados, todo na provincia de Alacante.

Co golpe do coronel Casado aliñouse coa política de Negrín e dos comunistas, foi detida por membros socialistas do Consello Nacional de Defensa e conducida ao cárcere da Ronda de Atocha madrileña e logo á prisión de Ventas. Un día antes da rendición de Madrid, o 27 de marzo de 1939, foxe xunto a outras presas.

Consegue chegar a Lugo, á casa do párroco da Nova, ata onde a alcanzou a persecución policial, se ben librou grazas ao crego. Nestes primeiros meses de semiclandestinidade, acubíllase en varias vilas da provincia, sempre baixo identidade falsa. Houbo un novo intento policial por capturala en 1942. Comezou a establecer conexións cos fuxidos e cos antifascistas de Becerreá, onde colaborou nunha primitiva estrutura guerrilleira. Sen contactos co PCE ata 1944, a súa influencia política e organizativa en parte da provincia de Lugo percibiuse no posterior medra política e guerrilleira provincial.

En 1944 formou parte do Comité Provincial de Lugo e o ano seguinte mantivo relacións directas co PCE. En febreiro dese ano foi responsable de finanzas e de organización. Malia a caída dalgúns cadros, o partido chegou a contar en toda a provincia cun cento de militantes e ducia e media de guerrilleiros.

O seguimento sobre o PC de Lugo e sobre Enriqueta Otero intensificouse a partir de finais de 1945 e principios de 1946. En xaneiro deste último ano varias caídas afectaron xa a toda estrutura provincial; en febreiro caeron ata cincuenta persoas vinculadas á resistencia.

O 16 de febreiro de 1946 foi detida en Lugo, xunto con Xosé Vicente Rodríguez. Antes da detención, resistiu tres horas o acoso policial pero ao ser ferida nunha perna, foi apresada. Ameazada e duramente torturada, a intervención dalgunhas antigas profesoras salvouna de ser asasinada.

Acusada dun delito de rebelión militar e de actividades comunistas, no seu consello de guerra celebrado en Coruña en xullo de 1946 foi sentenciada a trinta anos por rebelión militar e catro anos por un atentado contra a autoridade.

En outubro de 1946 foi trasladada ao cárcere de Amorebieta e a finais de novembro ao de Segovia, no que pasará cinco anos baixo deplorables condicións hixiénicas, médicas, climatolóxicas e alimentarias, polo que participou nas folgas de principios de 1949, que reivindicaban melloras carcerarias.

En outubro de 1951 foi enviada ao penal de castigo de Guadalaxara e meses despois confinárona no penal de Alcalá de Henares, no que conseguiu a liberdade condicional en 1960. A definitiva houbo de esperar ata 1965.

Ao saír da cadea recuperou parte das propiedades familiares incautadas, perdeu outras e abriu un longo contencioso-administrativo para ser rehabilitada como mestra nacional, o que conseguiu en outubro de 1974. Tras pasar por diferentes escolas, onde intentou promover certas actividades culturais de base, xubilouse en 1980.

Tres anos antes creara a Asociación Popular O Carriño, inspirada nas Misións Pedagóxicas republicanas, como un espazo de cultura, reflexión e discusión, afastado do ensino tradicional.

Morreu o último día de outubro de 1989 e foi enterrada na súa parroquia natal, Miranda, envolta na bandeira republicana, evocada como «a última guerrilleira galega, a Pasionaria do pobo galego».

Obra de Enriqueta Otero


“Textos de combate” en RODRÍGUEZ GALLARDO, Á., Letras armadas, op. cit.

“Prosa política e humanista” en RODRÍGUEZ GALLARDO, Á., Letras armadas, op. cit.

“Textos de promoción cultura e popular” en RODRÍGUEZ GALLARDO, Á., Letras armadas, op. cit.

“Poesía” en RODRÍGUEZ GALLARDO, Á., Letras armadas. As vidas de Enriqueta Otero Blanco , Lugo, Fundación Dez de Marzo, Concello, 2005.


Autor/a da biobibliografía: Ángel Rodríguez Gallardo

Información Obtida de: http://www.culturagalega.org/album/detalle.php?id=94