Posts Tagged ‘galegas’

Certificado de Lingua Galega (celga)


2007
10.03

 
Que é o CELGA?
O CELGA é o Certificado en Lingua Galega que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis: CELGA 1, CELGA 2, CELGA 3, CELGA 4 e CELGA 5. Trátase dun novo modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega que se adapta ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa e no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.Como obteño o CELGA?
Para obter o certificado dun nivel calquera débese superar unha proba oficial emitida pola Xunta de Galicia. Para ter dereito á proba débese formalizar unha matrícula previa e pagar unha cantidade fixada pola Xunta de Galicia. As probas son corrixidas por persoal autorizado para tales efectos da Xunta de Galicia.

Onde e cando se fai o exame do CELGA?
O exame do CELGA convocarase ao menos unha vez ao ano pola Xunta e farase en centros avaliadores oficiais. A Facultat de Filologia da Universitat de Barcelona é un centro avaliador. Recorda que a elaboración do modelo de exame, a súa corrección e a expedición do certificado é competencia da Xunta de Galicia, non do centro avaliador.

Onde se fan Cursos Oficiais CELGA?
Estes cursos poden realizarse tanto dentro coma fóra do territorio autonómico. Pódeste preparar na Facultat de Filologia da Universitat de Barcelona nos cursos CELGA a partir de xaneiro do 2008.

Por que son útiles os Cursos Oficiais CELGA da UB?
Os cursos CELGA son útiles por tres razóns:
– Porque adquirirías novo coñecemento sobre a lingua e cultura de Galicia.
– Porque, se es estudante da Universitat de Barcelona (excepto se es estudante de Filoloxía), poderías pedir a validación das 75 horas do curso por 7.5 créditos de libre elección.
– Porque poderías prepararte de xeito guiado para a presentación do exame do CELGA 1 e 4 que son os niveis esixidos ao funcionariado en Galicia.
É importante que teñas en conta que os cursos CELGA e o exame para a obtención do CELGA non van ligados salvo en que os primeiros axudan a preparar a materia do exame. As matrículas dos cursos e do exame realízanse por separado de xeito que podes asistir aos cursos sen matricularte no exame (co que obterías un certificado de asistencia) ou presentarte ao exame do nivel que desexes sen asistir aos cursos.

Que pasa cos cursos/diplomas de Galego Oral, Iniciación e/ou Perfeccionamento?
A partir da entrada en vigor dos CELGAs desaparecen os cursos/diplomas de Galego Oral, Iniciación e Perfeccionamento.

De que me valen os meus diplomas de Iniciación e/ou Perfeccionamento?
Todos os diplomas obtidos ata a entrada en vigor do novo sistema (1 de setembro de 2007) seguirán tendo nun futuro a mesma validez que tiñan a efectos oficiais: Iniciación para os grupos de funcionariado D e E e Perfeccionamento para A, B e C.
Os novos niveis esixidos son CELGA 1 para os grupos D e E e CELGA 4 para os grupos A, B e C.
Con todo, Iniciación non é equivalente a CELGA 1 nin Perfeccionamento a CELGA 4. Elevouse o nivel de coñecemento esixido ao funcionariado.

Que diferenzas entre os CELGA e os tres niveis de Galego Oral, Iniciación e Perfeccionamento?
Son moitas as diferenzas, pero as máis salientables son:
1. Antes había só tres niveis e os CELGA contemplan ata cinco niveis.
2. O modelo anterior tiña validez oficial só dentro do territorio galego e o novo modelo ten un recoñecemento europeo tanto nas horas impartidas coma no nivel comunicativo adquirido.
3. O novo modelo céntrase nas catro destrezas comunicativas (escoitar, falar, ler e escribir) de xeito que agora os coñecementos do código lingüístico (gramática, fonética e léxico) son un apoio para a comunicación.

Teño o nivel de Galego Oral, Iniciación e/ou Perfeccionamento, en que nivel de CELGA teño que matricularme agora?
No novo modelo non se esixe ningún nivel previo para pasar ao seguinte. Con todo, débese ter en conta que para o ano 2007 só entran en funcionamento os exames e cursos dos niveis CELGA 1 e CELGA 4. Destes poderíase facer a seguinte equivalencia de niveis en canto a coñementos:

Antes

Agora

Galego oral  
Iniciación CELGA 1
Perfeccionamento CELGA 2
  CELGA 3
  CELGA 4
  CELGA 5

Como podes ver non hai unha correspondencia exacta. Poderíase recomendar:
a. Se tes Galego Oral comezar con CELGA 1
b. Se tes Iniciación de momento a única opción é matricularte en CELGA 4 sabendo que é máis difícil que o anterior Perfeccionamento.
c. Se tes Perfeccionamento pódeste matricular en CELGA 4 dado que o nivel de coñecementos é inmediatamente superior ao teu.

Non teño ningún coñecemento previo de galego, en que nivel de CELGA me teño que matricular?
É recomendable que comeces polo CELGA 1.

Onde podo ter máis información actualizada?
Na web da UB: http://www.ub.edu/filgalport

Tamén podes ver a descrición das habilidades e de contidos adaptados ao Marco europeo común de referencia para as linguas. Celga 1, 2, 3, 4 e 5. Marco europeo común de referencia para as linguas, en : http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/NIVEIS%20DE%20COMPETENCIA.pdf