Onte estiven de matanza. Estamos no tempo.
Tamén é época dos saborosos cocidos, caldos untosos, días curtos e noites longas detrás da cociña atizándolle o lume, filloas de sangue, magostos churruscados, en definitiva xuntanzas.
Narración do asunto (apoiado algo na épica da terra): ” o día era malo, algo quente para tal choio. Xuntámonos homes de tres casas e familiares. Son as 10:30 da mañá e a auga xa está preto dos 62ºC exactos e necesarios para que en 3 minutos o cocho estea no punto de pelado. Mentres entramos na cociña. As mulleres non para de bulir, preparan tinas, baldes e taños, todo é necesario. Ofrécesenos de comer, agora xa non é como antes, pero na mesa un xamón, un queixo manchego e unha caixa de galletas variadas serían trinchadas fai tempo. Para beber café, unha botella de país e unha de Torres 10 xa encetada… saímos fóra, o matachín é novo. Hoxe mataranse 3. Entran 2 homes para colle-lo cocho na corte. Agarrámonos todos a el, conxunto de berros, euforia nervios e garra. Berros para os máis novos ¡¡¡agarra aí!!!!!. A auga dáos ben. Uns pelan outros xa abren e as mulleres xa amañan nas tripas, sacando os primeiros trozos de graxa para os roxos do rego. Chistes e contos dos máis vellos, retranca doada, rifes coas mulleres e elas con nós e tomaduras de pelo cara os máis novos adornan esta mañá“.
– Continuará…(un de tordea)…